ARQUEOLOXÍA EN LOBIOS


Coñecer o pasado supón un enriquecemento cultural, un desenvolvemento da capacidade crítica e unha maior liberdade de planificación da vida futura. Por elo nos últimos anos estase a dar unha progresiva toma de conciencia e sensibilización sobre a importancia do Patrimonio Histórico en xeral, e do Arqueolóxico en particular, como ben colectivo; e sobre a obriga que temos de proceder á sua conservación, estudio e difusión.

Na Galicia meridional, e dentro da comarca ourensán da Baixa Limia, o Concello de Lobios apostou, dende o ano 1988, polo valor e necesidade da arqueoloxía dentro da sociedade. Deste xeito, dunha banda, mediante as axudas financeiras do INEM e da Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia, e doutra, en base a un programa de investigación coordinado dende o Museo Arqueolóxico de Ourense, estase a desenmascarar e a reintegrar na vida social, uns restos que conforman as distintas paisaxes culturais (magalítica, galaico - romana, ...) da zona.

Paisaxes en cuio articulamento tuveron un papel fundamental as bacías dos ríos Limia, Caldo e Salas que, así, viron humanizadas as suas veigas, planaltos, portelas e outeiros. Por elo dos seus restos é preciso informar, en canto que, como bens colectivos que son, a divulgación e o coñecemento da sua problemática deben facilitar a sua salvagarda e protección.

Cara ó futuro existe a posibilidade de proseguir os traballos nun marco referencial mais amplo, ó través de proxectos de colaboración internacional Hispano - Portuguesa, e mesmo aproveitando os programas de dinamización de zonas fronteirizas, apoiados pola Comunidade Europea.

Baños de Riocaldo. Exedra do "hypocaustum". Baños de Riocaldo. Visión Xeral. Hipocausto nos Baños de Riocaldo. Campaña de 1990. Pendente áureo. Baños de Riocaldo.


A Arqueoloxía
é unha ciencia social, cuia finalidade non é a simple análise formal dos obxectos arqueolóxicos, senón o estudo do home, e o das suas relacións cos outros homes e co entorno. Ocúpase, a partir dos restos de cultura material que chegan ata nós, de coñecer o espacio físico de vida cotián dunha comunidade, e de recompoñer os seus comportamentos socio - económicos e ideolóxicos. Para elo utiliza un método propio, pero tamén a aportación de outras ciencias e técnicas; xeografía, palinoloxía, antropoloxía, topografía, dibuxo, fotografía, etc.

En todo proxecto de traballo arqueolóxico existen duas formas de investigación, que representan as duas caras de unha mesma moeda; a prospección e a escavación. a prospección sistemática ten por obxecto localizar, identificar e interpretar os indicios e restos de actividade humán nun período e nun espacio determinado. A escavación é un proceso ulterior á prospección, e supón a posta en pé ou descuberta do vestixio arqueolóxico, que, polo seu estado de ruina material presenta tan só unha imaxe cativa e parcelar de cando estaba enteiro.

Ambalas duas formas de investigación, teñen unha primeira fase de traballo chamada "traballo de campo", consistente na recollida e rexistro espacial ou tridimensional "contextualización" de todos aqueles elementos ou obxectos deixados polos homes nun lugar, ó que nós nos referimos como xacemento arqueolóxico. A ela síguelle unha segunda coñecida como traballo de laboratorio, na que se clasifican todos eses vestixios e se interrelacionan os datos aportados polos diferentes especialistas "interdisciplinariedade do traballo". Finalmente o proceso de investigación remata coa eleboración dunha memoria na que se recollen todolos traballos realizados, e onde se presentan as conclusións históricas inferidas a partir da lectura dos datos provintes da prospección e escavación.

Xarra. Baños de Riocaldo. Castelo da Vila. Escavación da porta principal. Tesouriño de Antoninianos. Baños de Riocaldo. Baños de Riocaldo. Antoninianos.


Froito das investigacións, ata hoxe realizadas, podemos establecer xa unha secuencia cultural para as terras de Lobios. E, se ben nela existen vacíos de coñecemento, sen embargo, a medida que os estudos avanzan, achegámonos mais a unhas realizacións humanas que, dentro da arqueoloxía galega, podemolas sistematizar nos seguintes períodos: Paleolítico, Neolítico, Megalítico, Calcolítico, Idade do Bronce, Cultura Castrexa, Romanización e Idade Media.

Por elo, ahí están, dentro do Megalitismo, xacementos como as necrópoles tumulares do San Bieito a da Anta do Couto que, no caso da primeira, ofrecenos, ademais, un dos primeiros exemplos da arte moble de Galicia, ó través do "idoliforme" provinte, probablemente, da cámara funeraria do túmulo M-2.

Pero, tamén fundamentais para recompoñer o proceso de Romanización da zona, son as aportacións ofrecidas pola Vía XVIII de Antonino, e pola "villa" baixoimperial dos Baños de Riocaldo, onde tampouco faltan as estancias calefactadas polo sistema de "hypocaustum".

E xa mais preto de nós no tempo (Idade Media) están, dunha banda, o Castelo de Arauxo ou da Vila, enmarcado na tipoloxía de pequenos castelos coñecidos como "roqueiros" ou "niños de aguia", en canto á sua edificación nunha plataforma rochosa practicamente inaccesible. E doutra, as necrópoles de Manín (Campelo e Santa Eufemia), nas cuais hai toda unha evolución nas formas sepulcraisdende os séculos IX - X ata o século XVIII.

Punta de frecha. M-2 do San Bieito. Estela discoide de Manín. Alta Idade Media. Castelo da Vila. Cabaleiro coa cota de mallas. Necrópole de Santa Eufemia de Manín. Enterramento da Idade Moderna.


Concebido dende o Museo Arqueolóxico de Ourense como un proxecto de arqueoloxía territorial, tendente a recompoñer a paisaxe histórica da zona dende que se documentan as primeiras pegadas da presencia humán, e ata o remate da Idade Media, o Campo Arqueolóxico de Lobios desenvolveu na súa ainda curta historia duas grandes liñas de actuación.

Unha é a investigación arqueolóxica, elaborando primeiro a Carta Arqueolóxica ou inventario de xacementos, co triple obxectivo de coñecer, conservar e valorar ese patrimonio; e en segundo lugar, escavando naqueles xacementos que se consideran prioritarios para a comprensión das diferentes culturas que teñen representación no pasado da zona, e mesmo para a Historia e a Arqueoloxía de Galicia.

A segunda diríxese á difusión dos resultados obtidos, tanto para outros especialistas e estudiosos (publicación de artigos e informes de prospección e escavación, conferencias, formación de novos profesionais da arqueoloxía, ...) como para o grande público, (exposicións, como "Arqueoloxía en Lovios. Prospección 1988"; campos de traballo para xóvenes, etc. Deste xeito, neste último caso os educadores teñen unha fonte informativa de primeira mán para explicar as diferentes culturas do pasado, e o resto da poboación recibe un enriquecemento cultural e unha sensibilización cara a defensa e salvagarda dun patrimonio que todos temos a obriga de mantelo e transmitilo nas mellores condicións.

Sen embargo, é preciso iniciar unha nova liña de traballo basada na consolidación, restauración e ordenación das ruinas para a súa visita e reintegración na vida social. E nese sentido é xa imprescindible dirixirse cara a unha musealización dos xacementos, en canto que estes reciben así o carácter educativo e o valor social que lle corresponden como elementos vivos da nosa Historia.

Arqueoloxía en Lobios.






1.- Lama do Picón. Milla 35 da Vía XVIII de Antonino.
2.- Chan dos Pastoreques. Milla 36 da Vía XVIII.
3.- Ponte Nova. Vía XVIII.
4.- Castelo das Donas. Torre "roqueira".
5.- Baños de Riocaldo. "Villae".
6.- O Campelo. Necrópole.
7.- Santa Eufemia. Necrópole e eirexa.
8.- Anta do Couto. túmulo.
9.- Castelo de Arauxo ou da Vila. Castelo "roqueiro".
10.- San Bieito. Necrópole tumular.
11.- Monte dos Castelos (Entrimo). Castro.
12.- Couto do San Adrao (Lobeira). Castro.
13.- Castro do Ferreiro (Muiños). Castro.
Tumba antropomorfa. Santa Eufemia de Manín. Moeda de Joao I. Castelo da Vila. Baños de Riocaldo. Visión aérea. Anforeta. Baños de Riocaldo.

Arqueoloxía en Lobios

Coordenación, Guión e Textos:
Manuel Xusto Rodríguez e Celso Rodríguez Cao
Deseño gráfico montaxe e Fotografía:
Fernando del Rio Martínez
Edición:
Concello de Lobios
© Concello de Lobios (Ourense) - ESPAÑA 2006.
Optimizado para unha resolución de 800 x 600.