|
|
Tralos resultados obtidos dos estudios feitos
na zona, contamos con un rico patrimonio arqueolóxico, legado que
permite achegarnos á evolución histórica do que hoxe é o Concello de
Lobios. Coñécense indicios do primeiro poboamento humano de
cazadores e recolectores do Paleolítico, na zona de Riocaldo. Pero
sen dúbida a primeira ocupación efectiva tivo lugar a partir de
mediados do IV milenio a.C. e levada a cabo polos primeiros pobos
pastores e agricultores que erixiron os numerosos Monumentos
Megalíticos, aproximadamente entre o 3500 a.C e o 2000 a.C., polo
momento, os únicos expoñentes chamados antas, arcas, mámoas, motas,
dolmens, etc. panteóns funerarios daquelas xentes, distribúense por
toda a comarca, e concretamente en Lobios, xacementos como as
necrópoles tumulares de San Bieito e a Anta do Couto (ver
arqueoloxía en Lobios).
|
|
|

|
Tamén nesta comarca estanse a constatar
progresivamente os vestixios dos primeiros pobos metalúrxicos do
cobre, integrados nunha época denominada arqueolóxicamente como
Calcolítico. Primeiro, reflectados nos asentamentos ó ar libre,
con materiais líticos e cerámicos do ámbito "Penha", que ocupan o
Val do Limia, aproximadamente a partir do 2500 a.C.
Posteriormente, unha segunda manifestación da metalurxia do cobre,
é a que deriva da localización das cerámicas "Campaniformes",
aproximadamente entre o 2200/2000 a.C. e o 1800 a.C.. A Idade do
Bronce é menos coñecida, limitándose polo momento a achádegos
illados correspondentes coa súa fase inicial e localizados en
megalitos existentes na comarca.
Os mais nomeados representantes da nosa
Protohistoria son os xacementos denominados castros,
poboados construídos en lugares con defensas naturais, como
outeiros elevados ou esporóns montañosos rodeados por meandros
fluviais, ós que se engaden diferentes sistemas de fortificación
(varios cinturóns de murallas, parapetos e fosos). A Cultura
Castrexa, protagonizada polos pobos galaicos, esténdese
cronoloxicamente dende o século VI/V a.C. ata o IV d.C.. É nesta
época, mais concretamente no ano 215 antes de Cristo, cando por
primeira vez, un exército romano invade o noroeste da Península.
Sendo esta unha etapa clave na historia de Lobios, faremos
un comentario mais detallado da mesma.
|
|
|

|
A conquista da Península
Ibérica foi lenta, e arrítmica. O Noroeste da Península apenas entrou en
conflicto directo coas lexións romanas ata case un século despois, cando
se verificou a incursión de Decimus Iunius Brutus , en 137
a. C. As forzas comandadas polo cónsul romano cruzaron o río Douro,
penetraron na Gallaecia e chegaron a rebasar o río Limia.
Trala primeira incursión, aumentou a influencia do mundo romano
no Noroeste Peninsular. Aínda así, novos movementos militares, dirixidos
por Licinius Crassus (en 96 a. C.), M. Perpena
(en 74 a. C.) e por Iulius Caesar (en 61 a. C.), revelan
que a Gallaecia non estaba totalmente pacificada.
A integración formal dos Galaicos, Astures e Cántabros no Imperio
Romano, só se rematou despois das campañas de Octavianus Augustus
(27 a. C. - 14 d. C.), durante os anos de 26 a 19 a. C. Nos anos
seguintes aínda se dan revoltas e combates entre Astures e Cántabros,
por un lado, e lexións romanas por outro. Só na última década do século
I a. C. o Noroeste parece estar definitivamente pacificado.
Durante os primeiros anos do novo milenio, a anexión dos pobos
sometidos procesase a un ritmo acelerado. Galaicos e Astures foron
integrados na Hispania Citerior, dilatada provincia dependente do propio
emperador Augusto. Hispania Citerior tinha capital en Tarraco, na costa
mediterránea (actual Tarragona). O vasto espacio que se estendía do
Mediterráneo ó cabo Fisterra, no Atlántico, estaba dividido en
conventos, territorios que parecen haber tido unha función xurídica e
relixiosa, na súa formación inicial. No Noroeste existían tres
conventos, con sede en tres cidades: Astúrica Augusta;
Lucus Augusti e Bracara Augusta. Os nomes
atribuídos ás tres novas urbes demostran a influencia de Augusto na súa
fundación e no seu desenvolvemento como centros urbanos. A par da
creación destas cidades a integración do Noroeste no imperio romano,
baixo o reinado de Augusto, destacou pola apertura de un conxunto de
vías, polo comezo da explotación das inmensas riquezas minerais dos
territorios dos galaicos e astures, pola xeneralización de unha economía
con novos valores e técnicas, nos que se destacan a policultura, o uso
do numerario metálico (moedas) e o aumento da productividade agrícola,
testemuñada pola fundación de villae e casas rurais.
A política de romanización do Noroeste é continuada baixo os restantes
emperadores da dinastía júlio-claudiana: Tibério (14-37 d.C.), Gaio
(37-41), Cláudio (41-54) e Nero (54-68). Co asasinato do último príncipe
termina a primeira dinastía do imperio romano. Na crise aberta pelo fin
do reinado de Nero, destacase a intervención do gobernador de Hispania
Citerior, Galba, que é aclamado emperador. Galba apenas reinará durante
seis meses, xa que é tamén asasinado. A súa ascensión ó trono sinala a
importancia crecente de Hispania no Imperio Romano.
Para pechar un breve e conturbado período en que se suceden tres
emperadores en pouco mais de un ano, emerxeu unha nova dinastía fundada
por un xeneral de orixe humilde, Vespasiano: a dos Flávios. Os textos de
autores gregos e latinos, así como os datos arqueolóxicos, demostran que
baixo o goberno dos Flávios a Hispania e o Noroeste Peninsular se
integran aínda mais na civilización romana. O emperador Vespasiano
(69-74) concede o Ius Latius, que permite a determinados
indíxenas acceder á cidadanía romana. Nacen novos municipios, e outros
centros urbanos renóvanse e expanden. Constátase unha intensificación da
actividade mineira e un crecemento global da economía. En este contexto,
ábrese unha nova estrada entre Bracara Augusta e
Astúrica Augusta, estrada que recibe o nome de VÍA NOVA,
e que será clasificada no Itinerario de Antonino como a XVIII.
A VÍA NOVA, aberta baixo a dinastía dos Flavios (Vespasiano;
Tito; Domiciano), vai debuxar un itinerario diferente entre
Bracara Augusta e Astúrica Augusta, conectando
diversos populi e civitates, dos que
hai importantes xacementos arqueolóxicos de Aquis Querquennis
(en Portoquintela - Bande), Aquis Originis (en
Baños de Riocaldo - Lobios) e a propia Vía Nova, da que
existen tramos restaurados e outros tal e como os deixou o paso dos
séculos, en varios puntos do Concello de Lobios.
Pódese considerar que a construcción da Vía Nova foi un novo e
importante paso no proceso de romanización do Noroeste Peninsular.
|
|

|
Os primeiros séculos da Idade Media son aínda pouco
coñecidos dende a arqueoloxía, agás achádegos illados a dispersos pola
comarca. O medievo en Lobios destacará polo proceso repoboador ó que non é
alleo a acción monacal, en especial dos benedictinos. Segundo algúns, no
lugar da Cela, naceu San Rosendo, bispo e abade, fundador de mosteiros
coma o de San Salvador de Celanova. As ruínas do mosteiro da
Escusalla, son bo exemplo da presencia benedictina no Concello de Lobios.
|
|

|
Mais o medievo estará marcado por un feito que terá
transcendencia futura para o desenvolvemento da comarca: A independencia de
Portugal, que converteu estas terras, antano corazón de
Gallaecia,
en fronteiras periféricas, quedando sometidas ós avatares bélicos que ó
longo da historia as asolaron periodicamente. Resulta salientable o
acontecido co Couto de Arauxo. Os restos do castelo derrubado en 1702
están en Pazos, propiedade do nobre portugués duque de Sinde, que herdou
este dominio dos Arauxo, antiga casa nobiliaria asentada en Lobios dende o
século XII e que pasarían a Portugal cando se produciron as guerras entre
Pedro I e Henrique de Trastámara. Despois da Guerra de Sucesión española,
o Couto de Arauxo pasará a depender da Casa de Monterrey.
Sucesivos monarcas, especialmente Felipe II e Felipe IV, concederanlles
importantes privilexios fiscais ós habitantes destas terras para, ó tempo
de axudar a sobrelevalas consecuencias da guerra, poder garantir a súa
lealdade. Pero os asuntos de estado non foron quen de eliminar as
tradicionais relacións de veciñanza entre "arraianos". Os vellos camiños
de sempre empregados para o contrabando, coñecerán unha intensa actividade
nas guerras carlistas, ou, mais recentemente, na Guerra Civil española
houbo que recorrer á solidariedade destes habitantes para axudar a quen o
precisaba, sen preguntar cal era a ideoloxía do refuxiado.
|