Constituído o Consello Termal Ourensán, para velar polo cumprimento do Plan "Ourense, a provincia termal"

  • Está integrado pola Deputación de Ourense, Xunta, Goberno central, Concello de Ourense e municipios con vilas termais, Campus de Ourense, Asociación de Balnearios, CEO e Cámara de Comercio de Ourense, Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.
  • Manuel Baltar anunciou para 2015 a internacionalización do termalismo provincial coa posta en marcha por parte da Deputación de Ourense dun programa de "Termalismo social transfronteirizo", sendo a primeira administración en realizar unha iniciativa destas características.
  • 15 das 90 actuacións previstas no Plan Termal están xa executadas ou en fase de execución.

Ourense, 16 de decembro de 2014.- O Consello Termal Ourensán, o órgano que terá como función velar polo cumprimento do Plan "Ourense, a provincia termal", quedou constituído esta mañá no Balneario de Laias (Cenlle), baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contando entre os seus representantes on integrantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello de Ourense e municipios con vilas termais, así como do Campus de Ourense, da Asociación de Balnearios, da Confederación de Empresarios de Ourense e da Cámara de Comercio de Ourense, do Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou o pulo e a importancia que a Deputación de Ourense lle da ao termalismo "considerándoo como unha aposta de futuro provincial", e lembrou as importantes achegas que o goberno provincial ten realizado nestes últimos anos neste ámbito: "En 2012 designamos a un deputado específico de termalismo, Argimiro Marnotes, e en 2013 incorporamos unha partida con ese epígrafe, "Termalismo", que tampouco había ata ese momento, coa finalidade de desenvolver o plan de "Termalismo Saudable" de visitas aos balnearios da provincia, e outro obxectivo era a elaboración do Plan "Ourense, a provincia termal". Desta maneira, en 2014, logo de conseguir a implicación da Xunta de Galicia, presentamos o Plan Termal, o 4 de febreiro, o que supuxo o ano do gran avance do termalismo no ámbito provincial. En novembro pasado asinamos co presidente da Xunta o convenio para a execución do Plan Termal e hoxe poñemos en marcha o Consello Termal Ourensán".

Baltar explicou que ademais a Deputación de Ourense subscribiu un acordo con Renfe para potenciar o "turismo termal" nos balnearios da provincia de Ourense, o programa de "Termalismo Saudable", que se estendeu a cidadáns doutras provincias; e que tamén se habilitou unha liña de axudas por importe de 300.000 euros para concellos para a realización de pequenas infraestruturas termais.

En 2015, explicou o presidente provincial, "a Deputación de Ourense vai destinar un mínimo de 1,5 millóns de euros para a execución do Plan Termal, e a maiores disporase de 500.000 euros para esa liña de axudas para infraestruturas termais para os concellos (en suma, 2 millóns de euros), cantidades que se completarán co remanente de tesourería que agardamos ter". "Unha das grandes novidades de 2015 –engadiu Manuel Baltar- será a internacionalización do noso termalismo, pois seremos a primeira administración que porá en marcha un programa de "Termalismo Social Transfronteirizo", que abrirá novas posibilidade aos nosos balnearios e permitirá aos nosos veciños portugueses a súa plena participación no mesmo".

Reunións do Consello

O Consello Termal hoxe constituído terá tres reunións anuais, unha cada catro meses, e o que se pretende nesta primeira reunión "é que todos interioricemos o termalismo como unha aposta de futuro. É un consello aberto, participativo e no que pediremos a todos a máxima implicación, de todos os concellos e tamén da capital, que ten que ser o motor que impulse á provincia", dixo o presidente da Deputación.

O Consello Termal, presidido por Manuel Baltar, conta como asesor técnico con Mario Crecente, redactor do Plan Termal; co Inorde, que xoga un papel fundamental no desenvolvemento e execución do Plan Termal, e co secretario que é José Juan Cerdeira, director da Área de Benestar da Deputación de Ourense. Ademais constituirase un comité, executivo que celebrará reunións aló menos cada dous meses, e que está integrado pola Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Goberno central, o Concello de Ourense, a alcaldesa de Lobios (representando aos demais concellos da provincia por ser a presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP), o Campus de Ourense (Campus da Auga) e o sector privado por medio da CEO e da Asociación de Balnearios. A súa primeira reunión será en xaneiro, mentres que o Consello Termal celebrará a súa seguinte xuntanza o 22 de marzo, o Día da Auga, no balneario de Baños de Molgas.

Manuel Baltar afirma que no termalismo "non hai partidos nin ideoloxías, porque este é un tema que une nun esforzo común e compartido. O Plan Termal é un documento aberto e dinámico que temos que ser capaces de afrontar entre todos de aquí a 2020, e proba diso é que das 90 actuacións previstas no Plan Termal 15 delas están xa executadas ou en execución".

Precisamente, no balneario de Laias a Deputación de Ourense ven de acometer un investimento para a construción dun pantalán que permitirá aos equipos de remo dispoñer aquí dunhas instalacións axeitadas para realizar seus adestramentos, por ser un dos mellores lugares de España para a práctica deste deporte. Estas xestións xa tiveron consecuencias positivas, pois o equipo nacional de Bielorrusia (con 53 integrantes) xa confirmou a súa estadía dende o 22 de febreiro ata o 1 de abril de 2015. A el lle seguirá o equipo da Federación Bielorrusa de persoas con discapacidade que practican este deporte, e tamén o College William Borlase do Reino Unido (40 integrantes), e a Federación Australiana (35 membros) e a Federación Feminina de Holanda, mentres que se atopan en tramitación solicitudes de federacións de remo de Lituania, Polonia, Rusia, Francia, Esolvenia e Argelia.

A estratexia comunitaria 2020 da Deputación de Ourense, que Manuel Baltar defendeu recentemente no Comité das Rexións, en Bruxelas, inclúe precisamente o Plan Termal, xunto coa Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, a Competitividad e a Administración Electrónica, iniciativas todas elas nas que a Deputación está a traballar para executar estes proxectos a prol de seguir impulsando o desenvolvemento da provincia de Ourense.