Tralos resultados obtidos dos estudios feitos na zona, contamos con un rico patrimonio arqueolóxico, legado que permite achegarnos á evolución histórica do que hoxe é o Concello de Lobios. Coñécense indicios do primeiro poboamento humano de cazadores e recolectores do Paleolítico, na zona de Riocaldo. Pero sen dúbida a primeira ocupación efectiva tivo lugar a partir de mediados do IV milenio a.C. e levada a cabo polos primeiros pobos pastores e agricultores que erixiron os numerosos Monumentos Megalíticos, aproximadamente entre o 3500 a.C e o 2000 a.C., polo momento, os únicos expoñentes chamados antas, arcas, mámoas, motas, dolmens, etc. panteóns funerarios daquelas xentes, distribúense por toda a comarca, e concretamente en Lobios, xacementos como as necrópoles tumulares de San Bieito e a Anta do Couto (ver arqueoloxía en Lobios).

Tamén nesta comarca estanse a constatar progresivamente os vestixios dos primeiros pobos metalúrxicos do cobre, integrados nunha época denominada arqueolóxicamente como Calcolítico. Primeiro, reflectados nos asentamentos ó ar libre, con materiais líticos e cerámicos do ámbito "Penha", que ocupan o Val do Limia, aproximadamente a partir do 2500 a.C.

Posteriormente, unha segunda manifestación da metalurxia do cobre, é a que deriva da localización das cerámicas "Campaniformes", aproximadamente entre o 2200/2000 a.C. e o 1800 a.C.. A Idade do Bronce é menos coñecida, limitándose polo momento a achádegos illados correspondentes coa súa fase inicial e localizados en megalitos existentes na comarca.

Os mais nomeados representantes da nosa Protohistoria son os xacementos denominados castros, poboados construídos en lugares con defensas naturais, como outeiros elevados ou esporóns montañosos rodeados por meandros fluviais, ós que se engaden diferentes sistemas de fortificación (varios cinturóns de murallas, parapetos e fosos). A Cultura Castrexa, protagonizada polos pobos galaicos, esténdese cronoloxicamente dende o século VI/V a.C. ata o IV d.C.. É nesta época, mais concretamente no ano 215 antes de Cristo, cando por primeira vez, un exército romano invade o noroeste da Península. Sendo esta unha etapa clave na historia de Lobios, faremos un comentario mais detallado da mesma.

A conquista da Península Ibérica foi lenta, e arrítmica. O Noroeste da Península apenas entrou en conflicto directo coas lexións romanas ata case un século despois, cando se verificou a incursión de Decimus Iunius Brutus , en 137 a. C. As forzas comandadas polo cónsul romano cruzaron o río Douro, penetraron na Gallaecia e chegaron a rebasar o río Limia.

Trala primeira incursión, aumentou a influencia do mundo romano no Noroeste Peninsular. Aínda así, novos movementos militares, dirixidos por Licinius Crassus (en 96 a. C.), M. Perpena (en 74 a. C.) e por Iulius Caesar (en 61 a. C.), revelan que a Gallaecia non estaba totalmente pacificada.

A integración formal dos Galaicos, Astures e Cántabros no Imperio Romano, só se rematou despois das campañas de Octavianus Augustus (27 a. C. - 14 d. C.), durante os anos de 26 a 19 a. C. Nos anos seguintes aínda se dan revoltas e combates entre Astures e Cántabros, por un lado, e lexións romanas por outro. Só na última década do século I a. C. o Noroeste parece estar definitivamente pacificado.

Durante os primeiros anos do novo milenio, a anexión dos pobos sometidos procesase a un ritmo acelerado. Galaicos e Astures foron integrados na Hispania Citerior, dilatada provincia dependente do propio emperador Augusto. Hispania Citerior tinha capital en Tarraco, na costa mediterránea (actual Tarragona). O vasto espacio que se estendía do Mediterráneo ó cabo Fisterra, no Atlántico, estaba dividido en conventos, territorios que parecen haber tido unha función xurídica e relixiosa, na súa formación inicial. No Noroeste existían tres conventos, con sede en tres cidades: Astúrica Augusta; Lucus Augusti e Bracara Augusta. Os nomes atribuídos ás tres novas urbes demostran a influencia de Augusto na súa fundación e no seu desenvolvemento como centros urbanos. A par da creación destas cidades a integración do Noroeste no imperio romano, baixo o reinado de Augusto, destacou pola apertura de un conxunto de vías, polo comezo da explotación das inmensas riquezas minerais dos territorios dos galaicos e astures, pola xeneralización de unha economía con novos valores e técnicas, nos que se destacan a policultura, o uso do numerario metálico (moedas) e o aumento da productividade agrícola, testemuñada pola fundación de villae e casas rurais.

A política de romanización do Noroeste é continuada baixo os restantes emperadores da dinastía júlio-claudiana: Tibério (14-37 d.C.), Gaio (37-41), Cláudio (41-54) e Nero (54-68). Co asasinato do último príncipe termina a primeira dinastía do imperio romano. Na crise aberta pelo fin do reinado de Nero, destacase a intervención do gobernador de Hispania Citerior, Galba, que é aclamado emperador. Galba apenas reinará durante seis meses, xa que é tamén asasinado. A súa ascensión ó trono sinala a importancia crecente de Hispania no Imperio Romano.

Para pechar un breve e conturbado período en que se suceden tres emperadores en pouco mais de un ano, emerxeu unha nova dinastía fundada por un xeneral de orixe humilde, Vespasiano: a dos Flávios. Os textos de autores gregos e latinos, así como os datos arqueolóxicos, demostran que baixo o goberno dos Flávios a Hispania e o Noroeste Peninsular se integran aínda mais na civilización romana. O emperador Vespasiano (69-74) concede o Ius Latius, que permite a determinados indíxenas acceder á cidadanía romana. Nacen novos municipios, e outros centros urbanos renóvanse e expanden. Constátase unha intensificación da actividade mineira e un crecemento global da economía. En este contexto, ábrese unha nova estrada entre Bracara Augusta e Astúrica Augusta, estrada que recibe o nome de VÍA NOVA, e que será clasificada no Itinerario de Antonino como a XVIII.

A VÍA NOVA, aberta baixo a dinastía dos Flavios (Vespasiano; Tito; Domiciano), vai debuxar un itinerario diferente entre Bracara Augusta e Astúrica Augusta, conectando diversos populi e civitates, dos que hai importantes xacementos arqueolóxicos de Aquis Querquennis (en Portoquintela - Bande), Aquis Originis (en Baños de Riocaldo - Lobios) e a propia Vía Nova, da que existen tramos restaurados e outros tal e como os deixou o paso dos séculos, en varios puntos do Concello de Lobios.

Pódese considerar que a construcción da Vía Nova foi un novo e importante paso no proceso de romanización do Noroeste Peninsular.

Os primeiros séculos da Idade Media son aínda pouco coñecidos dende a arqueoloxía, agás achádegos illados a dispersos pola comarca. O medievo en Lobios destacará polo proceso repoboador ó que non é alleo a acción monacal, en especial dos benedictinos. Segundo algúns, no lugar da Cela, naceu San Rosendo, bispo e abade, fundador de mosteiros coma o de San Salvador de Celanova. As ruínas do mosteiro da Escusalla, son bo exemplo da presencia benedictina no Concello de Lobios.

Mais o medievo estará marcado por un feito que terá transcendencia futura para o desenvolvemento da comarca: A independencia de Portugal, que converteu estas terras, antano corazón de Gallaecia, en fronteiras periféricas, quedando sometidas ós avatares bélicos que ó longo da historia as asolaron periodicamente. Resulta salientable o acontecido co Couto de Arauxo. Os restos do castelo derrubado en 1702 están en Pazos, propiedade do nobre portugués duque de Sinde, que herdou este dominio dos Arauxo, antiga casa nobiliaria asentada en Lobios dende o século XII e que pasarían a Portugal cando se produciron as guerras entre Pedro I e Henrique de Trastámara. Despois da Guerra de Sucesión española, o Couto de Arauxo pasará a depender da Casa de Monterrey.

Sucesivos monarcas, especialmente Felipe II e Felipe IV, concederanlles importantes privilexios fiscais ós habitantes destas terras para, ó tempo de axudar a sobrelevalas consecuencias da guerra, poder garantir a súa lealdade. Pero os asuntos de estado non foron quen de eliminar as tradicionais relacións de veciñanza entre "arraianos". Os vellos camiños de sempre empregados para o contrabando, coñecerán unha intensa actividade nas guerras carlistas, ou, mais recentemente, na Guerra Civil española houbo que recorrer á solidariedade destes habitantes para axudar a quen o precisaba, sen preguntar cal era a ideoloxía do refuxiado.


Galería